venres, 30 de xuño de 2017

Análise dos hábitos de práctica de Actividade Física do noso alumnado de 8 a 17 anos

     Dentro das actividades desenvolvidas no Proxecto Deportivo de Centro (PDC), durante o mes de xuño o alumnado de 8 a 17 anos, que cursa 3º, 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria e 1º, 2º, 3º e 4º de ESO no noso centro, cubriu un cuestionario que se lles pasou co obxectivo de coñecer os seus hábitos de consumo de actividade física e deportiva (AF) e de sedentarismo.

      Estamos moi orgullosos dos datos que nos amosa o cuestionario, que nos confirman que o PDC vai nunha moi boa dirección e que nos garantiza que o obxectivo principal do mesmo, aumentar o número de horas semanais de práctica do noso alumnado está acadado moi amplamente. As conclusións máis salientables son as seguintes:
  • O estilo de vida do noso alumnado de 8 a 17 anos en relación coa AF segue sendo moi positivo, polo número de horas semanais de práctica, pasando de 8,13 horas de media, sen contar as clases de EF, do curso pasado a 11,64 horas semanais neste curso. As medias das chicas atópanse en 9,65 horas e as dos chicos en 14,05 horas semanais, superando en ámbolos dous casos amplamente as recomendacións da OMS para o seu grupo de idade -7 horas á semana-. Concretamos agora estos datos, tendo en conta que as dúas horas de EF obrigatorias semanais non están incluídas nestes datos:
  1. O 69% do alumnado fai un mínimo de seis horas semanais de AF, subindo esta porcentaxe nun 10% con respecto ao curso pasado.
  2. O 59% do alumnado realiza un mínimo de oito horas semanais de AF, e o 48% realiza máis de 10 horas semanais.
  3. Os nosos nenos son moi activos, pois o 70% deles practican como mínimo 8 horas semanais e o 18% realizan de 6 a 8 horas, subindo ámbalas porcentaxes desde o curso pasado.
  4. No caso das nenas, o 57% realiza un mínimo de 6 horas semanais de práctica, o cal é un dato moi positivo de adhesión á AF.
  • 67% do alumnado recoñece que este curso realizou máis AF fóra do centro e o 66% realizou máis AF no centro, porcentaxes moi similares ás do curso pasado.
  • O 97% do alumnado participa en AF no centro tanto no horario lectivo como nos periodos de lecer.
  • A media de días semanais de práctica de AF 
  • A media de días semanais de práctica de AF durante un mínimo de 30 minutos -sen contar os días de EF-, é de 5,90 días; por sexos, indicar que as nenas practican actividade física 5,4 días á semana e os nenos 6,42 días á semana, mantendo unas porcentaxes similares ás do curso pasado.
  • Ao 97% do noso alumnado gústalle a actividade físico-deportiva. Este dato relaciónase directamente coa importancia de aplicar o PDC.
  • O 89% do alumnado califícase como suficientemente activo/a, activo/a ou moi activo/a.
     Pinchando na seguinte foto podedes acceder ao documento no cal se expoñen todos os datos extraídos do cuestionario dun xeito moito máis detallado:




ESTAMOS MOI CONTENTOS COS NOSOS DEPORTISTAS!!!!!! 


SEGUIDE ASÍ!!!!!

Valoración do PDC polo alumnado

Durante os cinco últimos cursos no CPI Ponte Carreira estamos a participar no Plan Proxecta, no Proxecto Deportivo de Centro (PDC), centros activos e saudables, no que participaron activamente 8 membros do profesorado e coa participación de todo o alumnado (especialmente o de 4º ESO colaborando na organización)Para poder desenvolver con éxito as actividades incluídas no PDC, contamos coa inestimable cooperación dunha altísima porcentaxe de profesorado e persoal de administración e servizos. 
 Salientar tamén que un ano máis temos participado en Xogade na modalidade de campo a través e no programa DAFIS (valoración da condición física saudable).
         O alumnado de 8 a 17 anos, que cursa 3º, 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria e 1º, 2º, 3º e 4º de ESO no noso CPI, cubriu un cuestionario que se lle pasou co obxectivo de valorar o grao de satisfacción coas actividades desenvolvidas dentro do PDC.

        A valoración das actividades resulta ser moi positiva, sendo a valoración “Pouco” moi minoritaria. 

  Pincha na seguinte foto e atoparás un documento con gráficos dos resultados obtidos:



xoves, 29 de xuño de 2017

Investigando sobre a agricultura ecolóxica con 4º ESO

      Durante este curso o alumnado de 4º ESO realizou un traballo de investigación sobre a temática da agricultura ecolóxica. Pinchando na seguinte foto poderedes desfrutar dunha presentación na que combinamos as conlusións máis salientables do investigado cunhas figuras de acrosport que tratan de explicalo dun xeito visual. 
       Atrevédesvos a atopar a relación???


mércores, 28 de xuño de 2017

Promoción de estilos de vida saudables II

        Nesta entrada amosarémosvos os traballos realizados polo alumnado de 2º ESO relacionados cos contidos de promoción de hábitos de actividade física da materia de libre configuración "Promoción de estilos de vida saudables". 
         Consistiron na elaboración de roteiros polo Concello de Frades, nos que se amosan os percorridos dos mesmos, os monumentos máis importantes e as actividades físicas a realizar en diferentes puntos do traxecto. 







Promoción de estilos de vida saudables I

        Durante este curso, o alumnado de 2º ESO desenvolveu a materia de libre configuración de promoción de estilos de vida saudables. Nesta entrada amosaremos uns traballos relacionados cos contidos de alimentación saudable e presentadas na xornada de portas abertas do día 27 de xuño, máis concretamente:
  • A mesa do engano: relacionado con produtos alimentarios que teñen unha cantidade moi pequena do ingrediente que serve de nome ao produto.

  • Información sobre as legumes.

  • Piscolabis saudable: durante unha semana nos tempos de lecer ofrecéuselle ao alumnado catro produtos saudables: froita, iogur elaborado polo alumnado, froitos secos e pan ecolóxico -de espelta, de levadura madre e de trigo integral- con aceite de oliva virrxe extra e pementón doce.

Ergonomía no transporte de cargas e nas tarefas agrícolas

           O alumnado de 1º ESO realizou un traballo relacionado coas posturas correctas no traslado de cargas pesadas e na realización de tarefas agrícolas. 
         Este traballo consistíu en realizar fotografías das posturas correctas e incorrectas e colocalas nun mural explicativo. O día 27 de xuño, na xornada de portas abertas do ABP do horto escolar ecolóxico, expúxose no taboleiro e unha alumna do curso explicouno.


martes, 20 de xuño de 2017

martes, 6 de xuño de 2017

DEPORTES TERCEIRO TRIMESTRE

    Esta terceira avaliación a alumnado do CPI Ponte Carreira batemos récords, cunha participación nos deportes organizados nos recreos do 92% do alumnado.

       Os alumnos de cuarto organizamos xornadas de floorball e voleibol, xogándose simultáneamente un partido de floorball e dous de voleibol dúas veces cada semana.

      Como novidade, aproveitamos o recinto de area do instituto e o bo tempo para xogar ao voleibol ao aire libre. 

VIVA O DEPORTE!!!

domingo, 4 de xuño de 2017

XOGOS DOS DE INFANTIL NO PATIO

Xa estamos aquí os de infantil facendo das nosas. Un día pintamos no chan do patio os nosos debuxos preferidos. Outro día xogamos as chapas no patio dos maiores ou a facer pompas de xabón.








 Encántanos xogar tamén con eles porque aprendemos moitas cousas xuntos, Que ben o pasamos!!

XOGOS NO PATIO DE PRIMARIA

Que ben o pasamos cos nosos compañeiros e compañeiras no noso colexio nos recreos. É un dos momentos preferidos ao longo do día. Como temos varios patios podemos xogar a moitas cousas. Podemos xogar na area, na herba e tamén na pista polideportiva. Este ano animáronse as rapazas a xogar ao fútbol e que diferente é xogar os partidos así.






Cantos máis xoguemos mellor. É moito máis divertido.!!!